PASEOS CONTRA O BECHO

 

D

 

 

Despois de terme prexubilado no 2021, chegou unha época rara, estraña e moi complexa na miña vida. Non sabía ata que punto era un "ionki" das clases de filosofía. Non me estraña. Deixábao todo, dábao todo en cada hora, fora Kant, fora a mente humana, fora a liberdade, fora Platón, eu sempre tentaba ofrecer toda a miña paixón polo feito de pensar o que outros pensaron, entendelo, e entón, aplicalo ou non á túa forma de pensar, sempre co principio básico que busca a filosofía: persoas críticas, con pensamento propio, non "ovellas no carromato do gando" que diría Kant, persoas con DIGNIDADE. Iso que nos costa tanto definir. Pero que no fondo é ser boa persoa cos demais e contigo mesmo. E non aceptar nunca un prezo no que se trata de sentimentos, pensamentos, paixóns, liñas vermellas que a túa dignidade como humano debería facerche velas claras: nunca guerras, sempre pensar no ben común, non nacionalismos ou bandeiras excluíntes, non relixións radicais (algunha non o é?), respecto absoluto polos dereitos humanos. Non podemos ver pateras, nin a morte diaria en África, Asia, en todo o mundo. "Humano son e nada humano me é alleo", ese era o piar da filosofía. Calquera cousa que che pase e que eu considere inxusta (a inxustiza social, a brecha salarial, o machismo, a penalización da eutanasia ou do aborto, etc.) tamén me pasa, me incumbe, me preocupa e o máis difícil me ocupa a min. Porque ao final que e o que eu, Manuel fago? Como diría PInk Floyd: "Dividimos caemos, xuntos permanecemos". Pero aquí estamos en "burbullas" virtuais ou reais que nos fan mirar pantallas e non os ollos dos medorentos en guerras, os ollos dos mortos de fame, os ollos da loucura que só nos importa para falar de "saúde mental" sen facer nada. Temos que vencer á INDIFERENZA que caracteriza a Europa e ao mundo do capital.
E xusto disto vos quería falar en primeira persoa. A miña saúde mental estivo tirada polo chan dende finais do 2021 ata agora, 1 de Xullo do 2023, que levo unhas semanas vendo moita luz preciosa na "negra sombra". Pois si, sen a miña dose diaria de e contra vós para que vos puxerades "en modo on" todo o tempo que fora posible. Era difícil, Historia da Filosofía era moi, moi complexa e esixía moito, pero "cundía". Filosofía de primeiro, unha gozada! Que ben o pasamos e canto aprendemos! Vós de min, eu de vós. E as preciosas clases-películas de "Valores Éticos", que traballazos me entregabades algúns e algunhas de vós. Temos visto películas especiais, verdade? Que sempre hai unha que logo levarás na túa mochila mental. Analizada a fondo. Diso se trataba. E Psicoloxía. Foi marabilloso. "Consellos vendo que para min non teño". Falamos de todas as enfermidades mentais e veredes que nun dos apartados aparece o fodido "trastorno de ansiedade xeneralizada". Pois ao prexubilar toda a adrenalina, todo o corticol que gardara durante máis de 30 anos volveu a min a mans cheas. Tiña angustia, ansiedade todo o día. Non podía comer. Só pensaba en potear. Agorafobia pero en casa tamén estaba mal. Peregrino por psiquiatras, atopei grazas a unha amiga unha psiquiatra en Vigo. E ao principio foi o horror, o cambio de medicación, a ansiedade disparada. Dende un día maldito que comecei a ter tremores por todo o corpo de súpeto ata case que onte, e toco madeira porque volverá, isto é unha tregua na batalla que sei que é longa, espertaba sempre como se me foran estoupar cen granadas na mente e na habitación e no mundo. Medo. Medo. Medo a todo. E a ansiedade non te deixa pensar, pensar con calma e coherencia, imposible, entón estás máis e máis atrapado nun bucle que ás veces semella infinito. E cando veñen as crises de ansiedade, angustia, cres morrer, e tes pánico, crise de pánico, e ese suor frío, e ese tremor e quixeras que todo se detivera e non houbera nada. Uff!!
Canta xentiña o está a pasar así de mal, sen as ferramentas múltiples que eu teño.
Non sei se conseguín gañarlle á enfermidade, á ansiedade que mata, pero estou niso. E unha das cousas que comecei a facer cando podía, había veces que non me levantaba da cama ata as 5 da tarde para intentar tragar un sándwich, unha desas cousas foi erguer da cama e, si ou si,  dar un paseo de 20 minutos, media hora, (a miña perna dereita non dá para máis.).
As condicións non importaban. O importante era conseguir saír da cama, unha pequena vitoria, saír ao exterior, outra, aínda que logo tiveras que meterte en cama con todo apagado a sufrir.
O que aquí vos ofrezo non creo que teña calidade fotográfica ou de vídeo, porque a fotografía e o vídeo encántanme, pero non teño nin idea. O único que hai é un conxunto de fotos por días e algúns vídeos que saquei co móbil, xa nestes momentos de melloría que oxalá non remate nunca. Estarán moi repetidas, no sentido de que vos parecerán semellantes, porque o son, pero o paseo é sempre o mesmo, hehe.
Pois isto é o que a miña angustia non me deixaba nin ver nos meus paseos contra o becho pola Arousa.

Pero camiñante, faise camiño ao andar!!!

Manuel Seixas, 1 de Xullo de 2023.

 

DÍA 6-VI-23
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

DÍA 7-VI-23

 

 

 

 

 

 

 

 

 

DÍA 8-VI-23